A LITERATURA QUE AÍ VÉN

LECTORES! Achégovos un artigo de Daniel Salgado no que nos comenta, dun xeito ben detallado, cales van ser as novidades editoriais en galego, para este 2019.
Segundo este autor, hai pezas de relevo como son: a biografía de Castelao escrita por Miguel Anxo Seixas, o regreso do inspector Caldas de Domingo Villar, un repaso a vinte anos de poesía de María do Cebreiro, novos títulos da supervendas Ledicia Costas.
Queres enterarte? Pois, se che gusta a lectura, aquí che deixo  o artigo, extenso, pero interesante.

Narrativa:

Xerais renovará a mediados de ano a liña gráfica da súa colección de narrativa. Nela dará a benvida ás novidades de dúas das escritoras de maior éxito comercial: Ledicia Costas e Pedro Feijoo. A piques de chegar ás libarías atópase o debut no xénero do poeta Xabier Cordal, neste caso en forma de Relatos para a televisión.

O último barco será o peche da triloxía que Domingo Villar dedicou ao inspector Leo Caldas, dez anos despois de A praia dos afogados. Publica Galaxia, que tamén apostará por novos narradores: Diego Xiráldez Hotel para coleccionistas discretosBerta Dávila, Arantza Portabales, Lois Alcayde ou Isaac Xubín Os largos e longos campos de liño azul.

Na mesma casa reaparecerá un veterano, Miguel Anxo Murado, estilizado autor de contos, con Tres minutos no aire. Outro clásico en marcha das letras galegas, Bieito Iglesias, conta con novidade recente, Guías caninos (Aira), incursión na novela negra oito anos despois do seu anterior título, Contos da terra da tarde. De Emma Pedreira publicará Urco Animais con frío, narracións breves. E co mesmo selo sairá Sopas New Campbell, coa que Teresa Moure foi finalista do premio Antón Risco de narrativa fantástica.  

Poesía:

Algunhas das máis activas novas editoras funcionan no territorio da poesía. Apiario, caracterizada por singulares e coidadas edicións, vén de pechar o ano con tres propostas: a plaquette de Susana Sánchez Arins Carne da minha carneCelso Fernández Sanmartín A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez e Lucía Aldao, a quen corresponde un dos libros de poemas de máis repercusión da tempada, Todo isto antes era noite. A praxe editorial de Apiario indica que non presentarán materiais inéditos antes do último trimestre do ano.

Outra das editoriais especializadas no xénero, Chan da Pólvora, opta por un programa máis intensivo. resistencia da auga -o volume de Xabier Cordal que sucede ao seu aclamado transmuta (Xerais, 2012)-, o debut en galego de Miriam Reyes Sardiña ou a antoloxía de poetas inéditos en libro individual Dentes para a mazá conformaron as súas aposta do tramo final de 2018. En 2019 publicará unha antoloxía de Rosalía de Castro ou o segundo libro de poemas dunha das voces fundamentais da literatura galega recente, Samuel Solleiro O mundo dos vivos.

As editoriais xeralistas tamén manteñen activas liñas de poesía. Galaxia anuncia A herba de namorar, unha escolma de máis de dúas décadas de produción de María do Cebreiro, e Non deixes que a tardiña me sorprenda, o rescate antologado de Fiz Vergara Vilariño. A Poesía reunida de Xela Arias, acabada de aparecer, protagoniza os lanzamentos de Xerais, quen reeditará Con pólvora e magnolias -o clásico de Méndez Ferrín- na súa histórica e renovada colección Biblioteca das Letras Galegas.

Tambo, o selo poético de Kalandraka, ofrecerá Feliz Idade, da cadora máis valorada poeta Olga Novo. E Axóuxere coeditará coa catalá Edicións Tremendes Un inesperado río de choiva / Un inesperat riu de pluja, de Amauta Castro.

Ensaio:

A Biblioteca de Pedagoxía desta última editorial acolle Educar a través da arte, de Salvador Cidrás e Vicente Branco. O ensaio é un dos campos preferentes de Laiovento, que programa entre as súas novidades inminentes a segunda parte da análise da figura de Xesús de Nazaret realizada por Xulio López ValcárcelA invención dun deus. E o colectivo, coordinado polo profesor Xosé Manuel Sánchez ReiEstudos actuais de lingüística galego-portuguesa.

Este xénero atópase igualmente entre as preferencias editoriais de Axóuxere. Impulsos creativos. Canles alternativas de creación contemporánea recollerá experiencias culturais "que se moven nas marxes ou en espazos independentes". Lucía Romaní e Aránzazu Indaverea son as editoras do volume. O tratado animalista Na defensa dos animais, do profesor Óscar Horta, e Vir a menos. Crítica da razón nihilista, que Brais Arribas elabora a partir do pensamento do italiano Gianni Vattimo, son os outros materiais ensaísticos anunciados pola editorial de Rianxo. 

Camilo Nogueira, veterano político nacionalista, retoma os seus traballos ensaísticos en Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010), da man de Xerais. Esta editora tamén publica Rosalía feminista, de Helena González Fernández. Galaxia, pola súa banda, dará saída a un volume de investigacións sociolingüísticas do académico Henrique Monteagudo, o último premio Ramón Piñeiro -Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo- e Ler en violeta, de Montse Pena.

Mais a estrela de Galaxia será o primeiro dos tomos da biografía de Castelao, redactada por Miguel Anxo Seixas a partir da súa tese de doutoramento.

Teatro:

É talvez o xénero pobre do mundo editorial galego. Polo menos así o indica o reducido espazo que lle reserva. Apenas Xerais, coa publicación dos premios Manuel María (Somos os monstros, de Paula Carballeira) e Álvaro Cunqueiro (Ás oito da tarde cando morren ás nais, de Avelina Pérez), e Kalandraka na súa Biblioteca de Teatro, con Citizen do Grupo Chévere, sitúano no programa de novidades.  

Infantil e xuvenil:

Os albums ilustrados son o corazón da proposta editorial de Kalandraka. Entre eles figurará este 2019 Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro -Premio Nacional do Ministerio de Cultura por Poemar o mar- con ilustracións de Juan Carlos Martín, e Viaxeiros, de Xulio Gutiérrez, encadrado na colección Ciencia para rapazas.

A nómina de autoras de literatura infantil e xuvenil de Xerais ocupará a primeira liña neste ano: haberá obra nova de Fina Casalderrey, Rosa Aneiros, Marisa Solar ou Teresa González Costa. Co selo Galaxia aparecerá o álbum infantil Fina, a pirata, de Helena Villar Janeiro, o libro infantil Soleando de An Alfaya ou o libro-disco da Gamola Gominola.

Os dous libros finalistas do primeiro premio María Victoria Moreno de literatura infantil estarán na rúa da man de Urco: o volume de poemas Irmá Paxaro, de Tamara Andrés, e mais a novela Be Water, de Antía Yáñez.

Comentarios

Publicacións populares

...PORQUE LAS ESTIRPES CONDENADAS A CIEN AÑOS DE SOLEDAD NO TENDRÍAN UNA SEGUNDA OPORTUNIDAD SOBRE LA TIERRA

EXTRAORDINARY WOMEN

MAUS, A HISTORIA DISFRAZADA DE FÁBULA.

CÓMIC INSPIRADO EN LA LEYENDA EL MONTE DE LAS ÁNIMAS DE GUSTAVO ADOLFO BÉCQUER

EUPHORIA, UNHA SERIE QUE MOSTRA O SUFRIMENTO DOS ADOLESCENTES

8 DE MARZO NO IES EDUARDO PONDAL DE PONTECESO

ESOPÍAS?

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

O CASAMENTO DOS PAXARIÑOS: O DÍA DA MARMOTA GALEGO OU O DÍA DE SAN VALENTÍN?

"INSTRUCCIONES PARA EMPEZAR A HABLAR GALLEGO"