A ODISEA: A LITERATURA OCCIDENTAL COMEZA A RESPIRAR

Moitos escritores, como Pérez Reverte ou Manolo Rivas, teñen confesado que A Odisea de Homero é unha das obras que máis pegada deixou neles. Xunto coa outra epopea do autor grego, A Ilíada, constitúe a acta de bautismo da literatura occidental.

Nunha visita á biblioteca, na sección de latín e grego, as alumnas do club de lectura de Grego de 1º de Bacharelato (Nerea, Nuria e Carla) escolleron, guiadas polo profesor, unha edición axeitada de entre as varias dispoñibles. Cando lemos unha obra, temos que fixarnos sempre que edición usamos, ou que tradución se é o caso. Non sempre reparamos neste feito, pero ás veces é fundamental para que a lectura sexa unha experiencia gratificante.


Impón un pouco a lectura desta magna obra, si, porque a nómina de personaxes é abrumadora, por citar un detalle que sempre se alega, e ademais o lector actual non está moi afeito a esta forma de narrar épica, solemne, artificiosa. Pero se temos claro o fío condutor desta marabillosa historia, eses atrancos non son tales.

As alumnas experimentaron ao principio esa sensación de dificultade, pero conforme avanzaban na lectura esta ía facéndose máis doada, segundo escribiron nunha valoración final tras rematar o libro. E despois, vimos unha versión cinematográfica, moi entretida e interesante porque contribuíu a reforzar o coñecemento das peripecias de Ulises.

Cómpre un pouquiño de paciencia. É necesario darnos un tempo antes de abandonar un libro e naufragar. A Odisea paga a pena. Toda persoa que se prece de cultivada tería que emprender esta aventura polo menos unha vez na vida.

No segundo trimestre abordaremos a lectura dunha traxedia grega: Medea, de Eurípides. Pero esa é outra historia.

Comentarios

  1. Óptima escolla de grupo e, sobre todo, parabéns ás alumnas por asumir o desafío dunha lectura inesquecíbel!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares

...PORQUE LAS ESTIRPES CONDENADAS A CIEN AÑOS DE SOLEDAD NO TENDRÍAN UNA SEGUNDA OPORTUNIDAD SOBRE LA TIERRA

EXTRAORDINARY WOMEN

MAUS, A HISTORIA DISFRAZADA DE FÁBULA.

CÓMIC INSPIRADO EN LA LEYENDA EL MONTE DE LAS ÁNIMAS DE GUSTAVO ADOLFO BÉCQUER

EUPHORIA, UNHA SERIE QUE MOSTRA O SUFRIMENTO DOS ADOLESCENTES

8 DE MARZO NO IES EDUARDO PONDAL DE PONTECESO

ESOPÍAS?

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

O CASAMENTO DOS PAXARIÑOS: O DÍA DA MARMOTA GALEGO OU O DÍA DE SAN VALENTÍN?

"INSTRUCCIONES PARA EMPEZAR A HABLAR GALLEGO"