Simone Weil: un corazón capaz de latexar a través do universo enteiro

Así describiría Simone de Beauvoir, a autora de O segundo sexo, a Simone Weil de cando coincidiron como estudantes na École Normale Supérieure de París, aló polo periodo de entreguerras. Producíralle tal admiración que Simone Weil fose quen de empatizar co sufrimento de persoas alleas que, segundo comenta Beauvoir nas súas memorias, tratou de achegarse a ela. O encontro entre estas dúas grandes filósofas do século XX non foi todo o ben que puidera ter sido. Para saber máis do que aconteceu, recomendámosvos que lle botedes un ollo ao relato de Eduardo Infante no seu libro Filosofía en la calle (páx. 238).

Eduardo Infante explica nun par de páxinas que che recomendaría Weil ante a posibilidade de exercer o teu dereito ao voto

Hai 100 anos, o 3 de febreiro de 1921, Simone Weil facía 12 anos, despois de deixar de ir á escola durante un longo periodo, debido ao perigo de contaxio da gripe española que estivera asolagando Europa. Nese tempo adicouse a aprender de forma autodidacta, motivada igualmente por un desexo apaixonado pola verdade. 

https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/a/ac/Simone_Weil_Baden-Baden%281921%29.jpg
Simone Weil con 12 anos (1921)

Non foi só a súa intelixenica ou esa sensibilidade extraordinaria o que a caracterizou, senón tamén o seu afán por ser consecuente cos seus pensamentos: era o seu corazón e o corpo enteiro o que quería acompañar aos desherdados, aos que sofren, aos escravizados, na vontade de ser un con eles. 

Retrato realizado por Noa Vecino (1ºA Bach)

Así, foi renunciando aos seus privilexios económicos, reducindo o seu soldo ao que recibían aqueles cos que quería estar, por xustiza. Acabou deixando o seu posto de profesora, para vivir como unha obreira máis. Despois marchou a España para loitar na fronte aragonesa como miliciana na Guerra civil. E xa, tendo que marchar da Francia ocupada cos seus pais por petición destes e sumándose á resistencia no exilio londinense, acabou morrendo aos 34 anos, en 1943, entre a tuberculose e un estado de prostración ao que a levara a imposibilidade de atopar unha vía para axudar aos seus compatriotas vítimas da ocupación nazi. De feito, de novo, decidiu comer só o que os presos nos campos de concentración franceses podían levar á boca. Esa folga de fame acelerou a súa morte, aínda que, como diría un mineiro sindicalista que a coñeceu do seu paso pola zona do Loira cando lle comentaron que morrera, "non podía vivir, era moi instruída e non comía". Esta frase, como ben explica unha persoa que a coñeceu (ver aquí a súa testemuña),  resume de forma sinxela o que Weil era, a fascinación que producía na xente que a coñecía e o que supón a súa breve pero intensa vida (xunto coa súa obra), como legado para os que viñemos despois, invitándonos a que o noso corazón tamén latexe a través do universo enteiro. Un só acto pode abrirnos a esa experiencia: a atención, que tan capturada está na nosa sociedade.

Graffiti nunha rúa de Mérida (Extremadura)

 "Os valores auténticos e puros do verdadeiro, o fermoso e o bo na actividade dun ser humano orixínanse a partir dun único e mesmo acto, por unha determinada aplicación da plenitude da atención ao obxecto. O ensino non debería ter outro fin que o de facer posible a existencia dun acto como ese mediante o exercicio da atención. Todos os demais beneficios da instrución carecen de interese."    
  

Comentarios

Publicacións populares

...PORQUE LAS ESTIRPES CONDENADAS A CIEN AÑOS DE SOLEDAD NO TENDRÍAN UNA SEGUNDA OPORTUNIDAD SOBRE LA TIERRA

EXTRAORDINARY WOMEN

MAUS, A HISTORIA DISFRAZADA DE FÁBULA.

CÓMIC INSPIRADO EN LA LEYENDA EL MONTE DE LAS ÁNIMAS DE GUSTAVO ADOLFO BÉCQUER

EUPHORIA, UNHA SERIE QUE MOSTRA O SUFRIMENTO DOS ADOLESCENTES

8 DE MARZO NO IES EDUARDO PONDAL DE PONTECESO

ESOPÍAS?

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

O CASAMENTO DOS PAXARIÑOS: O DÍA DA MARMOTA GALEGO OU O DÍA DE SAN VALENTÍN?

"INSTRUCCIONES PARA EMPEZAR A HABLAR GALLEGO"