GAMBITO DE DAMA, A SERIE QUE PUXO DE MODA O XADREZ
Os detractores das novas plataformas dixitais pouco a pouco van ter que recoñecer que estas chegaron para quedarse e que ademais están a facer produtos dunha calidade sublime. Crítica e público coinciden no éxito dunha serie que incríblemente ten como fío central o mundo do xadrez. Falamos de Gambito de dama.
En Gambito de dama todo xira arredor dun taboleiro e cando un remata o visionado dos sete capítulos que conforman a serie, decide que ou ten que aprender a xogar o xadrez, ou se xa sabía, debe volver a practicalo.
A actriz Anya Taylor-Joy representa o papel de Beth Harmon, unha nena orfa que atopa no xadrez o refuxio para todos os seus medos e paranoias. Nos primeiros capítulos repasamos os seus anos de infancia e primeira adolescencia nun orfanato onde o bedel lle ensina os seus primeiros pasos no taboleiro. A partir de aquí, Beth Harmon comeza unha carreira meteórica ata acabar conseguindo o éxito total no mundo do xadrez. Máis, non todo é un camiño de rosas, a serie retrata de maneira maxistral o mundo dos orfanatos e tamén os problemas coas drogas da protagonista.
Xenio e loucura, salvación e inferno danzan de maneira entrelazada na existencia da protagonista. Luces e sombras que nos fan namorarnos para sempre de Beth Harmon. Podémola ver en Netflix.
Comentarios
Publicar un comentario