READING IN THE TIME OF THE QUARANTINE


This blog's a bit deserted, innit? Supostamente, a pincelada anglosaxona do blog debería demorarse aínda uns días, pero penso que as circunstancias requiren un sopro de azos, por pequeno que sexa. É por isto que hoxe voume limitar a algunhas curiosidades que evoca a situación actual. Para alivio dalgún lector desprevido, hoxe aparcaremos a cerna en inglés da publicación en favor de algo máis cercano na nosa lingua.

O primeiro que espero é que vós e os vosos seres queridos esteades todos ben. Son tempos difíciles, é certo, mais unha simple ollada á nosa historia levaranos a concluír que a resistencia forma parte do ADN galego, co que o noso esforzo común faranos prevalecer, sen dúbida.

Dicía que son tempos difíciles, de confinamento. Parece nestes intres unha broma de mal gusto a típica pregunta de que libro levarías a unha illa deserta. Quen nos ía dicir que esa illa sería o noso fogar e teríamos que apañarnos co posto. De certa forma, Internet facilita o noso contacto co exterior. Porén, a reflexión que me interesa hoxe é doutro tipo, vira cara o interior e resulta se callar solitaria, xa que é unha reflexión lectora en tempos de corentena.

Penso noutros exemplos de épocas de reclusión como a que estamos a vivir e, a pesar dos numerosos episodios históricos entre os que poderíamos escoller, o primeiro no que caio é o da Gran Peste de Londres. Esta epidemia durou de 1665 a 1666 e, se ben as medidas de illamento non foron as mesmas, inspirou grandes obras literarias e outras casualidades, como a que poderedes descubrir neste artigo.

O testemuño de primeira man máis importante da época foi o diario de Samuel Pepys (ollo, pronunciado «pips», máis ou menos). Nos seus diarios, Pepys trasládanos a un momento histórico de tremenda importancia para unha Inglaterra que atravesaría, entre outros acontecimentos, o Grande Incendio de Londres ou a Segunda Guerra anglo-neerlandesa. Se xa este encerro é un bo momento para a lectura, revivir a experiencia de Pepys de seguro que nos fai compartir algo da súa flema inglesa ante a adversidade.

Outro texto interesante da época é o Diario do ano da peste, novela de Daniel Defoe, máis coñecido por ser o autor de Robinson Crusoe. Defoe quixo pasar este diario como unha reportaxe en primeira persoa, pese a ser un relato ficticio, aínda que moi ben documentado e, como lectura, forma un magnífico complemento aos diarios de Pepys.

Cambiando de tercio, e xa para rematar, escribo estas liñas despois de ler que o estado de alarma se prolongará dúas semanas. Ao saber da noticia, pensei no famoso stiff upper lip do que sempre falan os británicos xustificadamente, sobre todo se temos en conta a súa experiencia na Segunda Guerra Mundial, ese estoicismo que tanto nos axudará a sobrelevar estes días. Os meus titorandos de 2.º A recordarán o poema de W. D. Henley, Invictus, por termos falado do texto como un refuxio nos momentos en que somos postos a proba. Hoxe recordo uns versos do Ulysses de Tennyson que inclúo a continuación cunha pobre tradución dun servidor, cos que me despido.

Tho' much is taken, much abides; and tho'
We are not now that strength which in old days
Moved earth and heaven, that which we are, we are;
One equal temper of heroic hearts,
Made weak by time and fate, but strong in will
To strive, to seek, to find, and not to yield.

Pese a que moito nos arrebaten, moito ficará aínda;
e pese a non termos agora a forza que antano
movía ceo e terra, aquilo que fomos, seguimos a ser:
un mesmo alento de heroicos corazóns,
feble polo tempo e o fado, mais de vontade rexa
para loitar, buscar, achar e non rendernos.

Stay strong!!!








From left to right and top to bottom: title page of Defoe's original edition in 1722, portrait of Pepys painted by Sir Godfrey Kneller in 1689 and nine images of the Great Plague of London in 1665.

Comentarios