SEMENTANDO NOVOS COMEZOS

 Chegamos á fin  da lectura intensa de Remexido de Patacas no club de 3º ESO e, xusto coincidindo coa semana do 8 de marzo, a nosa compañeira e profesora Paula Cousillas déixanos esta reflexión sobre esta curta pero profunda novela:

Despois de tanto tempo, Ana acabou por ser consciente das cadeas invisibles que apreixaban o seu corpo e o seu espírito a unha vida angustiosa e ensanguentada da que semellaba non ter azos para poder fuxir.

A cociña, o espazo de reclusión no que a muller estivo secularmente ancorada, será tamén o espazo clave a través do cal a conciencia intentará agromar unha e outra vez, co obxectivo de que a nosa protagonista poida finalmente espertar do pesadelo no que se vira sometida toda unha vida.

Remexido de patacas de Eli Ríos pon voz a todas aquelas mulleres que coñecemos e que se ven afogadas nunha relación machista e que, ao mesmo tempo, son incomprendidas por parte dunha sociedade que non acaba de entender ese sometemento no que están instauradas. Eli Ríos axúdanos, así, a empatizar coa vida destas mulleres mediante a nosa Ana, a quen curiosamente lle poderemos coñecer o nome soamente contra o final do relato. A través de Ana, a lectora tamén percorrerá o camiño da conciencia ou, se se quer, un novo camiño de comprensión desa realidade palpitante, marcada por unha complexa dinámica de factores piscolóxicos e sociais que paralizan o dereito á liberdade das mulleres maltratadas.

O cambio individual na actitude da protagonista e a sororidade das veciñas debuxarán un novo comezo para a protagonista, mais imprevisiblemente zarrapicado pola nosa propia implicación, pois nós tamén nos veremos somerxidas no deseño do seu roteiro vital e finalmente apenas chegaremos a ver aquilo que no fondo nós mesmas desexamos ver.



Un novo roteiro lector é o que nos toca escoller agora e puidera ser que as patacas sexan tamén  protagonistas... Xa vos contaremos!

Comentarios

Publicacións populares

...PORQUE LAS ESTIRPES CONDENADAS A CIEN AÑOS DE SOLEDAD NO TENDRÍAN UNA SEGUNDA OPORTUNIDAD SOBRE LA TIERRA

EXTRAORDINARY WOMEN

MAUS, A HISTORIA DISFRAZADA DE FÁBULA.

CÓMIC INSPIRADO EN LA LEYENDA EL MONTE DE LAS ÁNIMAS DE GUSTAVO ADOLFO BÉCQUER

EUPHORIA, UNHA SERIE QUE MOSTRA O SUFRIMENTO DOS ADOLESCENTES

8 DE MARZO NO IES EDUARDO PONDAL DE PONTECESO

ESOPÍAS?

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

O CASAMENTO DOS PAXARIÑOS: O DÍA DA MARMOTA GALEGO OU O DÍA DE SAN VALENTÍN?

"INSTRUCCIONES PARA EMPEZAR A HABLAR GALLEGO"