Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2026

Últimos folgos do trimestre para a Semana Cultural

Imaxe
  A semana anterior ás vacacións, o instituto celebrou a súa XXIV Semana Cultural , unha edición chea de actividades formativas e creativas nas que a Biblioteca tivo un papel fundamental, coordinando charlas, obradoiros e propostas participativas que contaron cunha excelente acollida por parte do alumnado. Entre as actividades máis destacadas estivo a charla da UDC “As redes sociais e os dereitos á intimidade” , impartida por María Esther Rovira para o alumnado de 2º de ESO . A sesión permitiu reflexionar sobre o uso responsable das redes, os riscos asociados á exposición dixital e a importancia de coñecer os dereitos de protección da intimidade nun mundo hiperconectado. Tamén da man da UDC, o alumnado de 3º de ESO asistiu á charla “Educar para a creatividade” , impartida por Vicente Castro Alonso , que tivo unha acollida especialmente boa. A actividade animou a pensar doutro modo, a experimentar e a entender a creatividade como unha ferramenta esencial para aprender, resolver p...

I Liga de Debate

Imaxe
  O noso centro participou o día 25 de marzo, na I Liga Escolar de Debate , unha iniciativa organizada pola Consellería que busca fomentar o pensamento crítico, a expresión oral e o traballo en equipo entre o alumnado de secundaria. Para a primeira fase desta primeira edición, o tema proposto foi: “É conveniente limitar o uso das redes sociais aos menores de 16 anos?” , unha cuestión de plena actualidade que espertou interese e reflexión entre os participantes. O equipo de debate estivo formado por Luana Sueiro, Eva Rodríguez, Sofía de la Cruz, Uxía Antón, Sara Castro, Alba Torrado e Valeria Soage , alumnas de 3º e 4º da ESO , que prepararon argumentos, analizaron información e practicaron técnicas de oratoria ao longo das últimas semanas. A súa implicación, responsabilidade e capacidade para traballar de forma coordinada foron exemplares. Para participar na fase correspondente, desprazámonos ata o IES Eusebio da Guarda da Coruña , onde o noso equipo puido poñer en práctica todo o ...

Escritoras e artistas

Imaxe
 No día de hoxe, o alumnado asistiu á charla “Revivindo a escritoras e artistas” , unha proposta da Universidade da Coruña centrada en recuperar e visibilizar creadoras que foron silenciadas ao longo da historia. A sesión permitiu descubrir escritoras e artistas pouco coñecidas, reflexionar sobre os motivos da súa invisibilización e comprender a importancia de revisar o canon cultural con perspectiva crítica. O alumnado participou activamente, facendo preguntas e conectando os contidos coa súa formación académica e coa igualdade de xénero.

Un novo 8M

Imaxe
  Co gallo da celebración do Día da Muller , o equipo de Biblioteca e o Departamento de Dinamización Lingüística puxo en marcha unha nova edición da nosa xa tradicional exposición fotográfica. Unha actividade que busca visibilizar e homenaxear figuras femininas relevantes da historia, da ciencia, das artes, do deporte ou de calquera outro ámbito significativo. A proposta consiste en que as mulleres do centro —docentes, persoal non docente e tamén as alumnas,— escollen a fotografía dunha muller que consideran inspiradora. Pode ser unha figura relacionada coa materia que imparten ou estudan, ou simplemente alguén cuxa traxectoria lles resulta significativa. A partir desa imaxe, cada participante realizou unha fotografía propia caracterizándose como a muller elixida , imitando na medida do posible a pose, a expresión e o estilo da foto orixinal. As imaxes están expostas no corredor de entrada do centro, acompañadas da fotografía orixinal e dunha breve biografía en galego da muller...

Coñecendo a Coralia e Maruxa

Imaxe
  Hoxe 5 de marzo, o alumnado de 2º de bacharelato  asistiu na biblioteca a unha charla da autora e ilustradora Cari Ca , quen presentou o seu libro Coralia e Maruxa , unha obra que recupera a verdadeira historia das irmás Fandiño, figuras emblemáticas de Santiago e símbolo de resistencia fronte á represión franquista. Durante o encontro, a autora explicou o proceso de investigación que a levou a reconstruír a vida de Coralia e Maruxa máis alá da imaxe popular coa que adoitan ser lembradas. Subliñou a importancia de devolverlles dignidade e visibilidade, e de comprender o contexto histórico que marcou as súas vidas. O alumnado participou activamente, formulando preguntas sobre memoria histórica, ilustración e divulgación cultural. A sesión converteuse nun espazo de reflexión sobre o papel da arte e da literatura na recuperación das historias silenciadas.

VENRES MUSICAL: 27 de febreiro

Imaxe
  Hoxe durante o recreo, volvemos realizar a actividade dos "Venres musicais" en Biblio A Ponte , na que participou o alumnado de 1º ESO deleitándonos con actuacións musicais variadas. Comezou Alejandro Varela Iglesias tocando dúas pezas de acordeón, seguido de Martina Novoa Varela e Lucía Rodríguez Castro cos ukeleles e máis as súas voces, acompañadas tamén pola voz de Naia Ferreiro Amado. Por último, Lucía Rodríguez tocou tamén o seu acordeón, poñéndolle fin a esta variada actuación. O público asistente aplaudiu con estusiasmo a música dos seus compañeiros e, sobre todo, a valentía de amosar os seus talentos a toda a comunidade educativa que se achegou ata Biblio A Ponte neste  no seu tempo de lecer. Parabéns aos artistas e grazas a todos os asistentes!!!

23 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA

Imaxe
  Este curso conmemoramos o Día de Rosalía o máis preto posible da nosa autora.  O alumnado de 1º de Bacharelato desprazouse a Santiago para participar na celebración dos actos que a Fundación Rosalía de Castro organizou para ese día.  Acudimos á Praza de Vigo para presenciar a ofrenda floral á autora e o recital de versos de Rosalía de alumnado dos centros de primaria da cidade compostelana. A continuación, acompañados da Alborada cos Carapaus, desprazámonos ata o Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval) onde participamos na lectura de poemas rosalianos e escoitamos a música dos Carapaus e Uxía & Javier Ruibal. Os nosos alumnos Loia Herforth e César Becerra representáronnos no acto coa lectura dos poemas: "Estranxeira na súa patria" e "Tecín soa a miña tea". 

DÍA DA LINGUA MATERNA: CONTOS E CANTOS

Imaxe
Este curso o EDLG, en estreita colaboración coa Fundación Eduardo Pondal, decidimos conmemorar o Día da Lingua Materna coa realización de lecturas dramatizadas en galego por parte do alumnado do noso centro nos diferentes centros escolares do concello.  O alumnado de 1º e 3º da  ESO e do CM APSD partillou lecturas dramatizadas de contos como "A casa da mosca chosca", "As tres curuxiñas" e "A galiña roxa"  co alumnado de infantil e primaria do CRA Nosa señora do Faro, CEIP Eduardo Pondal, CEIP As Forcadas e a Galiña Azul. A contada da rapazada estivo acompañada da música e dos cantos da asociación musical Queixumes da Fundación Eduardo Pondal.  Deixámosvos unha mostra do que foi esta enriquecedora experiencia na que amosamos que a nosa ligua segue máis viva ca nunca:  https://www.instagram.com/reel/DU-ij5qjDBO/?igsh=cGZreHV5Nzc2OGJ6

Festa de entroido!!!

Imaxe
 Este ano, ademais dos disfraces, para celebrar o Entroido Biblio A Ponte xuntou as súas enerxías con Polos creativos e o alumnado confeccionou unha máscara para lucir no Entroido!!! A actividade desenvolveuse como un obradoiro práctico no que a rapazada de 1º de ESO combinou creatividade artística e iniciación á electrónica téxtil para elaborar máscaras de Entroido iluminadas con pequenos LEDs cosidos. A sesión comezou cunha breve explicación sobre o funcionamento básico dun circuito e sobre a importancia da polaridade nos LEDs, algo que lles permitiu entender por que era necesario seguir un percorrido concreto ao coser os fíos condutores. A partir de aí, cada estudante deseñou a súa propia máscara, escollendo formas, cores e a localización dos puntos de luz. Este momento inicial serviu para que planificasen tanto a parte estética como o trazado do circuito, evitando cruces ou erros posteriores. Unha vez definido o deseño, pasaron á fase de costura: empregaron fío condutor para u...

Torneo de debate: TDAG

Imaxe
  O alumnado de Oratoria de 3º de ESO, no día de onte, volveu demostrar o seu talento e compromiso coa comunicación oral no VIII Torneo de Debate Académico de Galicia , organizado pola Fundación Barrié na Coruña. Nesta cita, que reúne centros de toda Galicia e promove o pensamento crítico entre a mocidade, as nosas alumnas, Sara Rojo Gerpe, Alba Torrado Duarte, Uxía Antón Bellón, Sofía de la Cruz Oblanca, Gabriela Mata Vásquez e Valeria Soage Castro, defenderon con solvencia e madurez as súas posturas arredor dunha cuestión tan actual como complexa: S on necesarios os deberes escolares para aprender mellor? Ao longo dos dous debates realizados, amosaron unha preparación rigorosa, capacidade para argumentar con claridade e unha admirable habilidade para escoitar, responder e adaptar o discurso en tempo real. O debate converteuse así nun espazo de aprendizaxe viva, onde a palabra se transforma en ferramenta para analizar a realidade, contrastar ideas e construír coñecemento de maneir...

30 xaneiro: Día da Paz

Imaxe
  Biblio A Ponte , xunto co equipo de convivencia, celebrou este ano o Día da Paz cun acto conmemorativo no que participou todo o alumnado. A xornada comezou cunha breve presentación sobre o significado da data e a importancia de construír espazos de convivencia baseados no respecto e na solidariedade. A continuación, as alumnas do ciclo medio de APSD e máis o alumnado de Oratoria, deron lectura a un manifesto elaborado colectivamente nas aulas, no que reivindicaron a necesidade de promover o diálogo, rexeitar a violencia e apostar por unha sociedade máis xusta e inclusiva. As súas palabras, cheas de compromiso e sensibilidade, foron recibidas cun silencio atento e respectuoso por todo o público. Tras a lectura, o ambiente encheuse de música grazas á actuación do alumnado de 2º ESO: Alma González Pombo co violín, Leyre García Asensio e Dani Méndez Castro coas guitarras, interpretaron varias pezas preparadas para a ocasión. A actuación creou un momento emotivo que puxo o broche fina...

Liga da Regueifa

Imaxe
  O pasado 28 de xaneiro, a participación do alumnado de 1º de ESO na II Liga da Regueifa , celebrada en Ponte do Porto (Camariñas), converteuse nunha experiencia inesquecible e profundamente formativa. Xunto a outros institutos da contorna, o noso alumnado tivo a oportunidade de mergullarse nunha tradición viva, chea de ritmo, retranca e creatividade, guiados pola mestra da improvisación Lupe Blanco , que soubo espertar en cada participante o gusto pola palabra dita. A regueifa non é só un xogo verbal: é unha escola de pensamento rápido, de escoita activa e de comunicación eficaz. A través da improvisación, o alumnado aprende a organizar ideas ao instante, a expresarse con claridade e a manter un diálogo respectuoso e áxil. Estes encontros fortalecen a confianza, fomentan a creatividade e axudan a valorar a riqueza da nosa lingua e da nosa tradición oral. A súa participación nesta liga demostra que a oralidade segue a ser un espazo privilexiado para aprender, convivir e medrar. E ...

Mulleres e loucura: As tolas que non o eran

Imaxe
 Retomamos a actividade cultural no noso centro coa presenza de Carmen V. Valiña, investigadora e docente en cuestións de xénero e autora do ensaio As tolas que non o eran   da Editorial Galaxia. Carmen Valiña achegou ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato á investigación realizada sobre mulleres internadas no manicomio de Conxo, o maior do noroeste da Península Ibérica, entre 1885 e 1936, e á análise da psiquiatría como ferramenta de control social exercida sobre aquelas mulleres que non se axustaban aos modelos normativos da época.  Ademais un grupo de alumnas tiveron a oportunidade de entrevistar a autora na nosa radio nos momentos previos ao faladoiro.  Entrevista na radio

Novos xogos para o recreo!!!

Imaxe
 Este ano parece que nos portamos moi ben e ao chegar da volta das vacacións de Nadal...   atopamos isto na nosa biblioteca!!!! Biblio A Ponte agradece estes novos xogos para entreternos nos recreos!!!