I Liga de Debate

 


O noso centro participou o día 25 de marzo, na I Liga Escolar de Debate, unha iniciativa organizada pola Consellería que busca fomentar o pensamento crítico, a expresión oral e o traballo en equipo entre o alumnado de secundaria. Para a primeira fase desta primeira edición, o tema proposto foi: “É conveniente limitar o uso das redes sociais aos menores de 16 anos?”, unha cuestión de plena actualidade que espertou interese e reflexión entre os participantes.

O equipo de debate estivo formado por Luana Sueiro, Eva Rodríguez, Sofía de la Cruz, Uxía Antón, Sara Castro, Alba Torrado e Valeria Soage, alumnas de 3º e 4º da ESO, que prepararon argumentos, analizaron información e practicaron técnicas de oratoria ao longo das últimas semanas. A súa implicación, responsabilidade e capacidade para traballar de forma coordinada foron exemplares.

Para participar na fase correspondente, desprazámonos ata o IES Eusebio da Guarda da Coruña, onde o noso equipo puido poñer en práctica todo o aprendido, defendendo posicións a favor e en contra do tema proposto, tal e como esixe o formato da competición. As alumnas demostraron madurez, solvencia argumentativa e unha excelente capacidade para adaptarse ás intervencións do equipo contrario.

A experiencia resultou moi enriquecedora, tanto polo ambiente de convivencia entre centros como pola oportunidade de mellorar habilidades comunicativas fundamentais para o seu futuro académico e persoal. Sen dúbida, unha actividade que reforza a importancia do diálogo, da análise crítica e da participación activa na vida escolar.


PARABÉNS RAPAZAS!!!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

...PORQUE LAS ESTIRPES CONDENADAS A CIEN AÑOS DE SOLEDAD NO TENDRÍAN UNA SEGUNDA OPORTUNIDAD SOBRE LA TIERRA

EXTRAORDINARY WOMEN

Bo verán!!