30 xaneiro: Día da Paz
Biblio A Ponte, xunto co equipo de convivencia, celebrou este ano o Día da Paz cun acto conmemorativo no que participou todo o alumnado. A xornada comezou cunha breve presentación sobre o significado da data e a importancia de construír espazos de convivencia baseados no respecto e na solidariedade. A continuación, as alumnas do ciclo medio de APSD e máis o alumnado de Oratoria, deron lectura a un manifesto elaborado colectivamente nas aulas, no que reivindicaron a necesidade de promover o diálogo, rexeitar a violencia e apostar por unha sociedade máis xusta e inclusiva. As súas palabras, cheas de compromiso e sensibilidade, foron recibidas cun silencio atento e respectuoso por todo o público.
Tras a lectura, o ambiente encheuse de música grazas á actuación do alumnado de 2º ESO: Alma González Pombo co violín, Leyre García Asensio e Dani Méndez Castro coas guitarras, interpretaron varias pezas preparadas para a ocasión. A actuación creou un momento emotivo que puxo o broche final ao acto. A comunidade educativa despediuse cun amplo aplauso compartido de unión e coa vontade de seguir traballando pola paz no día a día.



Comentarios
Publicar un comentario