UNHA DESTAS SERÁ A PALABRA DO ANO 2018

Feminismo, apoderamento, sororidade, fascismo, "deseucaliptización", fariña

Cal delas será a Palabra do ano 2018?

De novo tócanos decidir. Seis voces son as finalistas tras a recollida de suxestións que rematou o pasado 16 de decembro. A votación que determinará cal é a gañadora permanecerá aberta ata o 25 de decembro ás 23:59 horas nesta ligazón: https://portaldaspalabras.gal/palabradoano/.

A palabra do ano darase a coñecer o vindeiro 27 de decembro.

Calquera das voces finalistas cumpren requisitos claros para se converter na elixida polo público: ser das máis repetidas na recollida de propostas, referirse a realidades ou fenómenos que están a marcar dalgún xeito a actualidade desde 2018, irromper con forza na linguaxe cotiá ou mesmo cobrar visibilidade como marca de iniciativas cívicas.

Feminismo figura entre as voces candidatas xusto nun ano en que as mulleres encheron o 8 de marzo as rúas de toda Galicia, España e moitos outros recunchos do mundo para reclamaren igualdade real en todos os ámbitos da vida. O Dicionario explica que é a “doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller”, un pensamento que tamén marca  sororidade, que pode definirse como o pacto entre mulleres para diminuír a fenda entre a súa posición social e a dos homes. Outra voz que emerxe con forza neste contexto é apoderamento. Incorporada ao Dicionario da Real Academia Galega o pasado outubro, designa nunha das súas acepcións o “proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais”. O exemplo escollido, e non por casualidade, é o do “apoderamento feminino”.

Non é a primeira vez que vocábulos relacionados coa crecente sensibilidade social ante a desigualdade de xénero chegan a finalistas da Palabra do Ano, aínda que nesta ocasión o abano é máis amplo. De igual xeito, volveron situarse entre as propostas máis repetidas aquelas que reflicten tensións e preocupacións que chegan desde a area política, como é o caso doutra das seis finalistas, fascismo; e arredor da xestión ambiental, desta volta con deseucaliptización como candidata destacada.

O ano que remata tamén lle deu unha nova vida ao termo fariña alén da nosa terra. O motivo nada ten que ver co cereal moído e moito co éxito da serie televisiva baseada no fenómeno do narcotráfico que marcou a Galicia dos anos 80 e co secuestro xudicial que sufriu o libro do xornalista Nacho Carretero, a súa fonte de inspiración. A obra titúlase Fariña en referencia á outra acepción reflectida no Dicionario: “substancia orgánica que se extrae das follas da coca e que, polas súas propiedades, é usada como narcótico ou en anestesias”.

Preme na ligazón indicada arriba e decide cal é a túa palabra do ano 2018!






Comentarios

Publicacións populares

...PORQUE LAS ESTIRPES CONDENADAS A CIEN AÑOS DE SOLEDAD NO TENDRÍAN UNA SEGUNDA OPORTUNIDAD SOBRE LA TIERRA

EXTRAORDINARY WOMEN

MAUS, A HISTORIA DISFRAZADA DE FÁBULA.

CÓMIC INSPIRADO EN LA LEYENDA EL MONTE DE LAS ÁNIMAS DE GUSTAVO ADOLFO BÉCQUER

EUPHORIA, UNHA SERIE QUE MOSTRA O SUFRIMENTO DOS ADOLESCENTES

8 DE MARZO NO IES EDUARDO PONDAL DE PONTECESO

ESOPÍAS?

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

O CASAMENTO DOS PAXARIÑOS: O DÍA DA MARMOTA GALEGO OU O DÍA DE SAN VALENTÍN?

"INSTRUCCIONES PARA EMPEZAR A HABLAR GALLEGO"