A POESÍA ESTÁ DE VOLTA NO IES EDUARDO PONDAL

   Unha cesta de  cereixas

                                                             Actividade poética no IES Eduardo Pondal de Ponteceso


Este ano, a poesía tivo un protagonismo especial no noso centro. Foi no mes de marzo cando nos visitou o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello para inaugurar unha biblioteca de poesía: o fondo Paco Souto composto polos máis de 200 títulos da colección Espiral Maior que a familia do poeta que lle dá nome, a nosa compañeira Emma Abella, doou en recordo do seu home ao instituto.

Despois, foron o poeta de Ponteceso Miguel Mato Fondo e a poeta cormelá Diana Varela Puñal quen nos honraron na Semana das Letras Galegas coa súa presenza.  Dúas figuras de sólida traxectoria creativa vinculadas directamente a Ponteceso ás que quixemos recoñecer dedicando dúas árbores, unha cerdeira para Diana e un bidueiro para Miguel Mato, elixidas polas mesmas persoas homenaxeadas entre as especies que compoñen o noso modesto xardín botánico.

Tamén recuperamos o premio de literatura do IES, e aínda que non logramos participación na modalidade de narrativa, si tivemos premio e premiado na de poesía, pois non en van o noso centro leva nome de poeta. O premio do IES Eduardo Pondal recaeu así no alumno de segundo curso de bacharelato Alexander Capone, que leu a súa creación diante da asistencia ao acto de entrega.

Mais tanta actividade poética non foi casual. Desde o principio do curso, quixemos recuperar un xénero minoritario para o gusto lector do noso alumnado e profesorado. Volver dalgún modo ao risco da lectura e á orixe da palabra. Por iso, inauguramos este ano unha sección específica para a lírica dentro dos clubs de lectura.  O primeiro paso: elaborarmos a nosa pequena biblioteca de poesía contemporánea nas distintas linguas peninsulares. Nela podedes atopar en versión orixinal ou edición bilingüe poetas en catalán como Antònia Vicens ou Joan Margarit, en éuscaro como Atxaga ou Kirmen Uribe, poetas portuguesas como Maria do Rosário Pedreira ou Filipa Leal, poemas en asturiano de Berta Piñán e Xuan Bello, clásicos modernos da poesía aragonesa como Ánchel Conte ou poetas en lingua castelán tan diferentes como Gioconda Belli, Chantal Maillard, Manuel Vilas ou Cristina Peri Rossi. Por suposto, tamén voces galegas: Luísa Castro, Lupe Gómez, Séchu Sende, Carlos Negro...  






Este foi o xerme: a poesía. Unha aposta pola diferenza e a diversidade lingüística. E o espazo de encontro e intercambio, a biblioteca. Mais pronto apareceron novas iniciativas conectadas ao tronco común: a Aula Virtual serviu para os membros do Club organizarmos os encontros, difundir vídeos e recitais poéticos, compartir poemas musicados, reflexións ou facer recomendacións de libros e poemas... E a poesía foi ocupando tamén os corredores: collage de versos en diversos idiomas con motivo do Día Internacional da Poesía o 23 de marzo e unha exposición con obras de arte derivadas de textos poéticos orixinarios das distintas literaturas peninsulares que traduciron e interpretaron as alumnas e alumnos de 3º de ESO.





En fin, a poesía foi estendendo as súas pólas e os versos floreceron; e non podemos rematar ete percorrido pola actividade poética do cenro doutro xeito que evocando as palabras dunha poeta: as que Diana Varela dedicou á reflexión sobre a poesía mentres agardamos a que madurezan as cereixas da cerdeira que agora leva o seu nome: 
"A poesía ten que ver coa música, a beleza e a filosofía, tres factores que sobrevoan sempre a miña maneira de vivir. É tamén unhaforma de comunicación, polo que, ademais de para conectar ritmo, pensamento e estética, sirve para expresarnos. Cantautores de todas as épocas - tamén o rap de hoxendía, o hip hop, ou o rock- empregaron a poesía como unha maneira de transmitir ideas, sentimentos ou a realidade socio - política, como e ocaso da chamada "canción denuncia" ou a poesía social. Porque a poesía é sempre revolucionaria, por iso as ditaduras de todas as épocas teiman en silenciar aos poetas, proque a palabra poética combate cunhas armas indispoñibles: como se desafía unha metáfora? Como se loita contra un soneto? Como se ataca un leixaprén? A poesía é a revolución da ternura, a denuncia que abre as fiestras par que entre o aire limpo, a evidencia de que a rosa ule a rosa e o lixo cheira a lixo. A constatación de que unha cerdeira é a representación arbórea do verán, e que os seus froitos tinxen os labio co seu doce sabor, como cada primeiro beixo. Iso é poesía. Pura humanidade". Diana Varela Puñal. 






Comentarios

Publicacións populares

...PORQUE LAS ESTIRPES CONDENADAS A CIEN AÑOS DE SOLEDAD NO TENDRÍAN UNA SEGUNDA OPORTUNIDAD SOBRE LA TIERRA

EXTRAORDINARY WOMEN

MAUS, A HISTORIA DISFRAZADA DE FÁBULA.

CÓMIC INSPIRADO EN LA LEYENDA EL MONTE DE LAS ÁNIMAS DE GUSTAVO ADOLFO BÉCQUER

EUPHORIA, UNHA SERIE QUE MOSTRA O SUFRIMENTO DOS ADOLESCENTES

8 DE MARZO NO IES EDUARDO PONDAL DE PONTECESO

ESOPÍAS?

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

O CASAMENTO DOS PAXARIÑOS: O DÍA DA MARMOTA GALEGO OU O DÍA DE SAN VALENTÍN?

"INSTRUCCIONES PARA EMPEZAR A HABLAR GALLEGO"