Nas entrañas dun xornal
O alumnado de 3º da ESO tivo a oportunidade de realizar unha saída moi especial ás instalacións de La Voz de Galicia, onde puideron coñecer de primeira man como se crea un xornal: desde a primeira idea que xorde na redacción ata o momento no que as rotativas comezan a imprimir os milleiros de exemplares que chegan cada día aos quioscos.
A visita comezou na sala de redacción, un espazo cheo de pantallas, movemento e voces que traballan ao ritmo da actualidade. Alí explicáronlles como se organiza o equipo xornalístico, como se seleccionan as noticias e cal é o proceso de verificación da información antes de que chegue ao público. O alumnado puido observar como se distribúen as seccións, como se redactan as pezas informativas e como se decide a estrutura da portada dun diario.
A continuación, pasaron á área de maquetación e edición, onde descubriron o labor imprescindible dos equipos que dan forma visual ao xornal. Aprenderon como se combinan textos, fotografías e gráficos así como as combinacións de cores.
O recorrido rematou nas impresionantes rotativas, un dos espazos máis impactantes da visita. Alí puideron ver como enormes bobinas de papel se transforman, a gran velocidade, nos exemplares que cada mañá chegan ás casas e aos centros educativos. Por último, pasaron a coñecer o Museo onde leron as portadas de xornais antigos e coñeceron as primeiras máquinas coas que traballaron a creación de xornais.
Esta actividade permitiu ao alumnado achegarse ao mundo do xornalismo desde dentro, valorando o rigor, o traballo en equipo e a responsabilidade social que implica informar. Unha experiencia enriquecedora que conecta a educación coa realidade e que, sen dúbida, esperta curiosidade e espírito crítico, aspectos importantes e relacionados coa formación ALFIN.


Comentarios
Publicar un comentario